Historia

Os nosos símbolos e a nosa historia.

 

A Coruña Gaelic Athletic Association ou A Coruña GAA é o nome deste equipo a efectos oficiais de rexistro na Gaelic Athletic Association. Outra cousa é o nome de batalla. Ese é Fillos de Breogán. Logo dunha votación relizada nesta web durante o mes de xullo de 2010, ése foi o nome elixido. E é unha denominación que ten moito que ver coa Coruña, con Galicia e con Irlanda.

 

No Libro das Invasións de Irlanda, un compendio de manuscritos que narran as diferentes conquistas que sufriu a illa esmeralda ata o século XI, vencéllase a existencia do pobo gaélico a Galicia. Fálase dos celtas gaélicos (os irlandeses e os escoceses) como os descendentes do rei Fénius Farsaid, un dos setenta e dous próceres construtores da Torre de Babel. De aí naceu a lingua irlandesa, posto que o seu avó, Gaedel Glas, tomouna de entre as setenta e dúas linguas nas que se dividiu o mundo trala caída da Torre. Gaedel emparellouse con Scotta, a filla do faraón de Exipto, e co seu pobo comezaron un éxodo de catrocentos corenta e catro anos, rematando en Gallaecia. Alí, un dos seus descendentes, Breogán, funda Brigantia, A Coruña na actualidade. Nesa nova cidade, constrúe unha torre, a chamada agora Torre de Hércules, dende a que o seu fillo Ite divisa Irlanda.

 

Ite viu unha illa verde e foi aló. A xente da deusa Danu (os Tuatha Dé Danann), os poboadores de Irlanda antes da chegada dos celtas, asasinaron ó fillo de Breogán. Décadas despois, Mil, neto de Breogán, vingou a morte de Ite e conquistou Irlanda. De aí que os primeiros habitantes celtas da illa, os milesianos (chamados así polo seu líder Mil), fosen os descendentes de Breogán vidos de Galicia. Non deixa de ser unha lenda, pero, graciñas ó poema de Pondal, o Himno Galego, Os Pinos, perviviu no tempo na nosa terra. Así, Galicia pasa a ser o Fogar de Breogán e a Nazón de Breogán, como cantamos os versos do poeta de Ponteceso.

 

Por outra banda, no escudo figura a bandeira do Porto da Coruña. A bandeira histórica da cidade da que se copiou a bandeira de Galicia. Sobre ela, un cranio e dúas tibias. Representan a Xerión, o xigante que matou Hércules, segundo conta a mitoloxía grega, e que soterrou debaixo de onde logo se erguería a Torre de Hércules na Coruña. Tamén representan a Ite morto, o fillo de Breogán, que, coa posterior vinganza do neto de Breogán Mil, permitiu esa ligazón lendaria entre Irlanda e Galicia. Ademais, un balón do que realmente importa: o fútbol gaélico.

Por último, as cores do equipo: azul, branco e negro. Azul e branco pola bandeira da Coruña, a bandeira de Galicia e porque, graciñas ó Deportivo que tamén tomou as cores da bandeira, son o símbolo desta cidade e esta terra polo mundo adiante. O negro, como elemento diferenciador e porque xogamos cos temas de Xerión e de Ite, relacionados coa morte, coma nós, que morremos por este equipo.

A Coruña - Fillos de Breogán.

O Primeiro equipo de fútbol gaélico de Galicia.

Adestramentos 2014

Luns: Polideportivo de Agra, 22:00PM

Venres: Complexo deportivo da Torre, 21:00PM