Novas

Últimas novas dos Fill@s de Breogán e dos Ártabr@s de Oleiros

As Fillas vólveno facer: campioas do Campionato Ibérico de Fútbol Gaélico!

As Fillas de Breogán proclamáronse por terceiro ano consecutivo Campioas de Iberia de fútbol gaélico nun torneo que pasará a historia: a Cidade Deportiva da Torre acolleu máis de 300 xogadoras e xogadores que en 4 campos de fútbol desputaron até 50 partidos durante o 26 de maio. Na modalidade masculina, os Madrid Harps proclamáronse novamente campións.

As Fillas, un equipo para a historia

As Fillas de Breogán volvérono facer. Capitaneadas por Laura, mellor xogadora do torneo, unhas inmensas Fillas de Breogán gañaron por terceira vez consecutiva o torneo ibérico de fútbol gaélico fronte a unhas Estrela Vermelha poderosas que, por vez primeira, chegaron á final.

As breoganeiras suman, deste xeito, 3 ligas, 1 copa e 3 campionatos de Iberia en 3 anos que, xunto ao subcampionato europeo, fan delas o mellor equipo de fútbol gaélico galego da historia en ambas as modalidades.

O torneo deste ano foi desputado de comezo a fin. No grupo venceron a unhas Barcelona Gaels competitivas e unhas Aurienses en progresión. Na semifinal pasaron por enriba a unhas moi meritorias Herdeiras de Dhais, terceiras no campionato. A final, en cambio, foi moito máis igualada ante unhas Estrela Vermelha que prometen moita batalla na vindeira temporada. Con todo, o poderío físico das Fillas de Breogán e o feito de xogaren conxuntadas impúxose ante o ímpeto compostelán e deixaron na casa o terceiro campionato ibérico.

O tempo porá onde se merece o que conseguiu até o momento este grupo de rapazas.

Madrid Harps, incontestables

Pola súa banda, o Campionato Ibérico na súa modalidade masculina viaxará, por 5 ano consecutivo, a Madrid, que suma xa 9 títulos. Os Harps amosaron unha superioridade incontestable,en todo o torneo sobre os seus rivais, menos na final, onde o equipo compostelán de Estrela Vermelha puxo as cousas complicadas.

Foron precisamente os composteláns de Estrela os que venceron aos Fillos de Breogán na semifinal, uns breoganeiros que chegaron como primeiros de grupo tras gañaren por 12 puntos nun grande partido a Barcelona e perderen fronte aos Irmandinhos. Estes últimos quedaron terceiros tras venceren a final de consolación.

Os breoganeiros fixeron un meritorio torneo no que foi a despedida do seu adestrador, Pedro Vilariño.

A copa Shield, para Auriense e Madrid Harpetes

O equipo Auriense fixo un meritorio campionato, tanto na modalidade masculina, onde gañaron a final da Copa Shield, como na feminina, onde quedaron segundas derrotadas por Madrid Harps.

O campionato ibérico supón o punto e final á temporada 2017-2018 de fútbol gaélico, que deixou na Coruña a Liga e o propio campionato así como o título da Liga B dos Ártabros.

Tweet about this on TwitterShare on Facebook0Share on Google+0

Leave a Reply