Novas

Últimas novas dos Fill@s de Breogán e dos Ártabr@s de Oleiros

Vitorias de Fillas, Ártabras e Ártabros na fin de semana

Tres vitorias e unha derrota deparou a fin de semana para os Fillos de Breogán e os Ártabros de Oleiros no seu duplo enfrontamento fronte a Estrela Vermelha e Keltoi FG.

Moi sufrida foi a vitoria de onte das Fillas de Breogán ante o rival que máis difícil lle puxo as cousas nas últimas temporadas. As Estrela Vermelha non lle perderon a cara ao partido durante os 50 minutos, mesmo cando ao descanso o partido semellaba claramente breoganeiro, as compostelás non o deron por perdido e loitaron até o final.

A primeira parte foi un tanteo constante entre ambos equipos, sen abrírense grandes distancias no marcador, até o que o acerto a gol das breoganeiras chegou nos minutos finais: tres goles serviron para abrir distancias e chegaren folgadas ao descanso cun 3-9 (18) / 0 – 6 das Estrela Vermelha.

A segunda parte foi un acoso constante das compostelás, envorcadas na portería breoganeira até o último suspiro. Con todo, as Fillas de Breogán souberon sufrir até o último minuto e a pesar de só marcaren 3 puntos, fixeron valer a súa vantaxe inicial. O resultado foi o máis axustado que se lembra para as breoganeiras, 3-12 (21) / 2-12 (18) e as achega un paso máis á vitoria final pois neste momento avantaxan en 6 puntos máis o gol average ás rivais de onte.

Os Fillos, pola contra, non puideron con Estrela Vermelha máis unha vez: nun partido que foi máis axustado e competido do que o marcador indicou ao final, cunha vantaxe de 7 puntos dos composteláns sobre os breoganeiros.

Esta derrota afasta case definitivamente aos coruñeses na loita polo título na Liga Galega de Fútbol Galego.

Pola súa banda, as Ártabras e os Ártabros non fallaron na súa visita ás terras olívicas. Os Ártabros trouxeron de volta unha vitoria que os consolida na fronte da táboa da segunda división masculina e os achega ao título final. O partido foi dos corvos das Mariñas de comezo a fin. A pesar de encaixar un gol ao comezo do partido, a primeira parte foi un constante ataque dos Ártabros, que punto a punto souberon contrarrestar o gol vigués.

Grazas a dos goles nos minutos finais da primeira parte, os Ártabros abriron distancias no marcador, cun 5-18 ao descanso que semellaba insalvábel para os vigueses. A segunda parte cambiou totalmente a tónica do encontro: sen cambios, os Ártabros puideron aguantar a distancia no marcador até os últimos 15 minutos, que foi o tempo en que aguantou a gasolina. Cun 9-22 para os corvos, estes baixaron as revolucións, o que aproveitou Keltoi para tirar de banco, con 7 cambios, e tentar aproximarse no marcador.

Así, os últimos 10 minutos convertéronse nun asedio constante dos vigueses, con máis ganas que acerto, que, con todo, non puideron reverter o marcador a pesar de que os Ártabros non marcaron nos últimos 10 minutos. O resultado final foi 16-22 para uns Ártabros que cun punto máis ou unha derrota dos seus seguidores serían campións da segunda división.

As Ártabras saíron ao terreo de xogo media hora despois para vingaren a derrota in extremis da primeira volta contra Keltoi. E abofé que o fixeron: o partido foi de comezo a fin das Ártabras que souberon impor o seu xogo a man e o seu acerto na portería.

O marcador final, 18-36 amosa a superioridade das Ártabras de Oleiros que, con esta vitoria, se colocan 5 na táboa clasificatoria por enriba de equipas de entidade como Pontevedra FG (subcampioas na pasada edición) ou Irmandinhas da Estrada, eternas candidatas ao título en horas baixas.

A vindeira cita das Ártabras será a vindeira semana, fronte as Irmandinhas mentres os Ártabros xogaran contra Cambados dentro de dúas semanas.

Tweet about this on TwitterShare on Facebook0Share on Google+0

Leave a Reply