Deprecated: Function create_function() is deprecated in /customers/0/2/0/fillosdebreogan.com/httpd.www/wp-includes/pomo/translations.php on line 208 Fillos de Breogán » Vitoria das Fillas e dos Ártabros e derrota de Fillos

Novas

Últimas novas dos Fill@s de Breogán e dos Ártabr@s de Oleiros

Vitoria das Fillas e dos Ártabros e derrota de Fillos

Os Fillos de Breogán e os Ártabros quedaron a unha vitoria de conseguiren o pleno nunha nova xornada da Liga Galega de Fútbol Gaélico. Mentres as Fillas pasaron por riba das Irmandinhas cun 8-48 e os Ártabros conseguiron unha sufrida vitoria na Illa de Arousa contra Dorna por 12-15, os Fillos de Breogán caeron derrotados ante Irmandinhos por 25-9.

E iso que o partido comezou ben para o 11 breoganeiro, que conseguiu abrir distancia no marcador moi rápido. Pero os Irmandinhos saben xogar co tempo e co marcador, así como buscar constantemente os paus. A iso sumouse a inoperancia dos Fillos de Breogán ante a portería rival, pois chegaron a estar máis de vinte minutos sen conseguir marcar punto.

Con esta derrota, os Fillos teñen moi complicada a segunda parte da Liga para loitaren polo título final, unha segunda parte que comezará no vindeiro mes de febreiro,

As Fillas, intratábeis

Moi diferente foi o partido das Fillas, que están a amosar unha grande superioridade alá onde van xogar. Onte demostrárono ante as outrora candidatas ao título, hoxe en horas baixas, as Irmandinhas da Estrada, que venceron por un contundente 8-48 e ás que non deron unha concesión en todo o partido.

As fillas, con esta vitoria, suman xa 7 no campionato ligueiro, aventaxan ás segundas con dúas vitorias e levan unha diferencia de goles positiva de 271 puntos.

Os Ártabros, no mellor dos escenarios ante a segunda parte da liga

Os Ártabros, pola súa banda, xogaron un partido moi completo na súa visita á Illa de Arousa para se enfrontaren a un Dorna con máis ganas que calma. A primeira parte foi un partido de ida e volta onde ningún dos dous equipos conseguiu abrir unha fenda destacable no marcador até que os Ártabros conseguiron pórse 4 puntos arriba. Con todo, o pundonor de Dorna levounos a empatar o marcador e chegar ao descanso con 8-8.

A segunda parte foi totalmente diferente: os Ártabros saíron enchufados e punto a punto conseguiron abrir unha distancia de 6 puntos que, a priori, semellaba definitiva. Con todo, os últimos minutos foron para o equipo da Illa, que botou todo o que tiña para conseguir remontar, algo que evitaron os Ártabros grazas a boas actuacións finais da defensa e do porteiro.

Con esta vitoria, os Ártabros colócanse nunha situación inmellorábel para loitar pola copa de prata da Liga Galega de Fútbol Galego, con catro vitorias sobre os rivais directos.

Leave a Reply