Novas

Últimas novas dos Fill@s de Breogán e dos Ártabr@s de Oleiros

Os Fillos visitan A Illa de Arousa e os Ártabros reciben a Estrela Vermelha

A ponte non dá tregua na Liga Galega de Fútbol Gaélico para os Fillos de Breogán e os equipos dos Ártabros de Oleiros. Mentres os primeiros terán que cruzar a ponte física da ría de Arousa para o seu partido con Dorna Fútbol Gaélico, as Ártabras e os Ártabros recibirán o sábado aos composteláns de Estrela Vermelha.

A pesar de estaren sétimos na táboa clasificatoria, non se prevé doado o partido dos Fillos: moitas baixas e desprazamento longo fan do partido na Illa unha trampa que pode complicar as aspiracións dos breoganeiros para ter unha boa posición de cara a segunda parte da liga. Con todo, os Fillos aspiran a manter as boas sensacións recuperadas logo do partido fronte a Auriense.

Pola súa banda, as Fillas descansarán até o vindeiro ano dado que a semana próxima non hai Liga feminina. Este tempo que será perfecto para ir recuperando xogadoras lesionadas e descansar logo do duro 2017 a que fixeron fronte e no que só perderon fronte a Bélxica na final do Europeo.

Os Ártabros, a daren a sorpresa fronte a Estrela Vermelha

Se difícil é a saída dos Fillos, os Ártabros téñeno moito máis complicado ao recibiren aos equipos de Estrela Vermelha, terceiras e segundos respectivamente nas dúas ligas. Mais iso non significa afrontaren os partidos cos brazos baixados: tanto o equipo masculino como o feminino sairán o sábado na Torre, ás 14:30 o masculino e ás 14:45 o feminino, a dáreno todo e, por que non, daren a sorpresa.

Ficha da semana

Cidade Deportiva da Torre, sábado 9 de decembro
Ártabros – Estrela Vermelha: 14.30
Ártabras – Estrela Vermelha: 14.45

Campo da Bouza, sábado 9 de decembro
Dorna FG – Fillos de Breogán: 17:00

Tweet about this on TwitterShare on Facebook0Share on Google+0

Leave a Reply