Novas

Últimas novas dos Fill@s de Breogán e dos Ártabr@s de Oleiros

Este sábado, novo duplo enfrontamento fronte Auriense e Herdeiros de Dhais

A nova xornada da Liga Galega de Fútbol Gaélico devólvemos o duplo enfrontamento fronte a Auriense e Herdeiros de Dhais que vivimos hai só unhas semanas. Desta vez, as Fillas e os Fillos serán os anfitrións fronte aos ourensáns mentres as Ártabras e os Ártabros viaxan a Lalín para xogaren fronte a Herdeiros de Dhais.

As Fillas pretenden continuar coa súa imbatibilidade na Liga Galega, onde están a amosar unha superioridade aplastante nos seus enfrontamentos, con case 200 goles de diferenza en 5 partidos. Con todo, as rivais desta semana non o porán doado, pois as ourensás son cuartas na táboa clasificatoria e están a amosar un grande progreso.

Pola súa banda, os Fillos non poden fallar esta semana: logo das derrotas fronte a Estrela Vermelha e Herdeiros de Dhais non existe marxe para que os Fillos poidan loitar polo título final. Ademais, os rapaces de Auriense FG están por riba neste momento na clasificación e son uns serios candidatos a loitaren en se meteren na segunda volta na loita polo título.

As citas serán ás 15.00 horas o masculino e ás 16.30 o feminino no Campo da Torre.

Lalín, rival directo dos Ártabros

Difícil saída a dos Ártabros esta fin de semana. Ademais da hora, as 21.30, súmase un complicado rival co que loitar para conseguir o 5 posto na clasificación que dá dereito a xogar polo título. Os lalilenses, ademais, xa demostraron do que son capaces gañando hai só unhas semanas aos Fillos na súa casa.

Neste momento, Ártabros e Lalín están empatados a puntos e a vitorias, polo que, quen se levar o partido terá moito percorrido para a clasificación final.
As Ártabras xogarán o sábado tamén fronte ás Herdeiras, segundas na táboa, a partir das 20.00 horas.

Tweet about this on TwitterShare on Facebook0Share on Google+0

Leave a Reply