Novas

Últimas novas dos Fill@s de Breogán e dos Ártabr@s de Oleiros

As Fillas de Breogán volven facer historia

Quedámonos sen cualificativos para falarmos das Fillas de Breogán, mais témolo claro: seguen sendo o orgullo do club. O plantel feminino gañou a Copa Galega de Fútbol Gaélico e conseguen, por vez primeira na nosa traxectoria, un dobrete histórico, Liga e Copa na mesma temporada, e manténdose invictas en ambos os torneos.

As fillas non o tiveron tampouco nada doado: presentáronse na Estrada cun plantel xusto e quedaron emprazadas no grupo máis competitivo, coas dúas rivais directas desta temporada na liga: Pontevedra FG e Herdeiras de Dhais. Con todo, as de Iago Pedreira plantáronse na final sen atoparen oposición ningunha.

Ben diferente foi a final: as Irmandinhas da Estrada viñan reforzadas coas figuras que as fixeran campioas durante dúas temporadas seguidas e que, por diferentes motivos non puideron estar dispoñíbeis ao longo da temporada.

O partido, deputado no campo no Manuel Regueiro sobre as 19:00 horas foi dunha igualdade extrema que semellou romperse ao descanso: as estradenses gozaban de seis puntos de distancia sobre as breoganeiras que parecían insalvábeis debido ao cansazo dunha longa xornada de partidos.

Con todo, as Fillas confiaron no seu xogo e pouco a pouco foron achegándose no marcador grazas ao que as definen: o xogo a man, a versatilidade e a contundencia arriba.

O 3-10 / 3-8 do marcador final fala da igualdade que se viviu no terreo de xogo mais tamén do carácter que vén demostrando as Fillas nas últimas dúas temporadas: confianza e contundencia.

Apuntade os nomes: Kamy, Laura, Mery, María R2, Ruth, Eva, Tonetti, Itzi, Oli e Vero e as ausentes Paula, Patri, Rakel e Alba forman un plantel que pasará á historia do Gaélico Galego e das Fillas de Breogán

 

 

 

Tweet about this on TwitterShare on Facebook0Share on Google+0

Leave a Reply