Novas

Últimas novas dos Fill@s de Breogán e dos Ártabr@s de Oleiros

Dura derrota dos Fillos ante Estrela Vermelha

Non puido ser: os Fillos de Breogán colleitaron unha dura derrota este sábado en Curtis fronte aos Estrela Vermelha que os aparta do liderado: 16-31.

Os de Pedro Vilariño non tiveron o día desde os primeiros intres do encontro. A pesar de saíren ben posicionados, o primeiro golpe foi a pouco de comezar: Dani Vázquez tivo que retirarse tras unhas molestias e houbo que rectificar o plan inicial na defensa.

A partir dese momento, os Fillos estiveron descentrados no campo e ímpeto inicial foise perdendo. A pesar da boa actuación da defensa e do porteiro, que non concederon ningún gol na primeira parte, o once compostelán estivo afortunado nos seus disparos a paus. Punto a punto puxeron distancia no marcador para chegaren ao descanso cun 10-5 que, con todo, semellaba alcanzable para os breoganeiros.

O partido requiría intensidade e atención, unhas consignas que se escoitaron no descanso. Con todo, nada máis comezar, unha das primeiras xogadas serviu para que Estrela Vermelha puxese 3 puntos máis na súa conta. Con 8 arriba, Estrela dedicouse ao seu xogo: aproveitar a velocidade da súa dianteira, xogo a man e firmeza defensiva.

A pesar de non ser un dos seus mellores partidos, os Fillos non lle perderon a cara ao partido. A falta de menos de 5 minutos, o marcador só amosaba unha diferenza de 5 puntos, o que permitía soñar cun final diferente ao que foi. Un penalti a favor de Estrela mudou o destino: os Fillos baixaron os brazos e recibiron dous goles máis en 2 minutos que puxeron un duro castigo no marcador final: 16-31.

O vindeiro partido dos Fillos será o 25 de marzo contra os Herdeiros de Dhais, logo do descanso desta fin de semana do partido internacional entre a Selección Galega e Francia.

Tweet about this on TwitterShare on Facebook0Share on Google+0

Leave a Reply