Novas

Últimas novas dos Fill@s de Breogán e dos Ártabr@s de Oleiros

Volve a competición co Derbi das Mariñas

Logo do descanso entroideiro, a Liga Galega de Fútbol Gaélico volve aos terreos de xogo e faino do mellor xeito: a Cidade Deportiva da Torre acollerá o sábado a partir das 14:30 horas unha nova edición do Derbi das Mariñas entre os Fillos de Breogán e os Ártabros de Oleiros. Miraremos ao ceo para ver se desta vez hai sorte e non se suspende.

Será un derbi dispar onde os breoganeiros, líderes, teñen moito que perder e pouco que gañar, mentres que os corvos quererán dar un impulso para afrontaren o resto da campaña con algunha posibilidade de permanencia.

Pouca marxe de manobra teñen os Ártabros con catro xornadas por diante para conseguir, cando menos, unha vitoria que os empate con Pontevedra FG e lles permita soñar con ficar máis un ano na primeira competición gaélica do país.

Tampouco o Fillos o teñen doado na súa loita polo título: logo da derrota hai dúas semanas na súa visita a terras estradenses, os breoganeiros precisan recobrar as boas sensacións para afrontaren o tramo decisivo da temporada, onde aínda terán que recibir aos segundos, Estrela Vermelha, e viaxaren ao sempre complicado campo de Lalín.

Estes ingredientes fan un bo caldo de cultivo para gozar dun grande derbi mariñán o vindeiro sábado a partir das 14:30 na Cidade Deportiva da Torre.

As Ártabras visitan O Grove coa vista posta na segunda volta

Pola súa banda, as Ártabras viaxarán ao Grove para se medir a unha rival directa, ás Mecas FG, que abofé non llelo porán doado posto que comparten puntuación, coa vista posta na segunda parte da campaña.

Tweet about this on TwitterShare on Facebook0Share on Google+0

Leave a Reply