Novas

Últimas novas dos Fill@s de Breogán e dos Ártabr@s de Oleiros

Golpe na mesa dos Fillos de Bregoán con dúas vitoras en Pontevedra

Rotundo golpe na mesa dos Fillos e das Fillas de Breogán na súa visita ás terras pontevedresas con senllas vitorias que os colocan á fronte das clasificacións feminina e masculina da Liga Galega de Fútbol Gaélico.

Os primeiros en saltaren ao Campo da Lama foron os Fillos de Breogán, que seguen con paso firme nesta temporada 2016/2017, ao contaren por vitorias os seus catro encontros.

Desta volta tocoulle caer aos de Pontevedra FG que nada souberon facer ante o xogo despregado polo 11 breoganeiro. O resultado final fala ben ás claras da superioridade amosada polos coruñeses: Pontevedra 0-5 (5) Fillos de Breogán 8-22 (46).

Desde os primeiros compases do encontro fíxose visible a superioridade do equipo dirixido por Pedro Villariño, que axiña se puxo por diante do marcador grazas ao acerto da dianteira inicial, Víctor e Vaamonde. Co vento a favor, o once breoganeiro dispúxose a facer o que mellor sabe: xogo a man, contundencia na defensa e no xogo en alto, pases longos buscando a rapidez dos dianteiros e constantes tiros a paus con acerto.

A tónica continuou na segunda parte onde a prioridade coruñesa foi buscar os tres puntos e abrir unha fenda máis contundente no marcador fronte a un Pontevedra esgotado fisicamente. Con esta vitoria e á espera do marcador do Estrela Vermelha – Irmandinhos, os Fillos sitúanse á fronte da táboa clasificatoria a un partido de rematar a primeira volta.

Importantísima vitoria das Fillas ante o rival directo

Moito máis importante foi, se callar, a vitoria das Fillas ante as pontevedresas, segundas até hoxe na clasificación e rivais directas polo título ligueiro polo xogo e superioridade amosados nas xornadas precedentes.

E non foi doado de partida o encontro para as breoganeiras, que chegaron ao Campo da Lama con só un cambio no banco. Con todo, a boa xestión das entradas e saídas das xogadoras e a ganas que amosaron no céspede foron claves para traeren os dos puntos á Coruña.

Ante unha defensa e unha portería ben cuberta en Pontevedra FG, as Fillas de Breogán xogaron as súas cartas no tiro a paus. A arriscada aposta saíu vitoriosa: punto a punto, as Fillas comezaron a abrir unha fenda no marcador que ao descanso xa era grande pero non abondaba para pechar o partido.

Este feito fixo que as Fillas de Breogán non se relaxasen e afrontasen a segunda parte coa mesma intensidade que a primeira. De feito, o marcador final, Pontevedra FG 4-11 (23) Fillas 3-24 (33), foi maquillado por dous goles nos últimos intres das pontevedresas que reduciron distancias ante un marcador máis avultado do agardado nun comezo.

Con esta vitoria, as Fillas afianzan o seu liderado após 5 partidos con 5 vitorias e cunha diferenza goleadora de máis de 100 goles.

Tweet about this on TwitterShare on Facebook0Share on Google+0

Leave a Reply