Novas

Últimas novas dos Fill@s de Breogán e dos Ártabr@s de Oleiros

Ano novo, nova vitoria das Fillas

A reanudación da competición ligueira trouxo unha nova e traballada vitoria para as Fillas de Breogán. As de Iago Pedreira souberon enfundarse o mono de traballo e sacar adiante un encontro que só se podía gañar tirando máis que nunca do colectivo.

A falta de cambios e a puxanza e boas maneiras que apunta o equipo local, faría que o plantexamento do encontro trocase con respecto ao habitual. Con esa idea saltaron ao verde da cidade das Burgas e desde os primeiros intres o traballo defensivo e o habitual xogo combinativo de Fillas comezou funcionar. Aínda con esas, non é este Auriense un equipo que lle perda a cara ao encontro en ningún momento e soubo aguantar o empurrón inicial das breoganeiras, polo que cumprido case un cuarto do partido o resultado era de 3-6. Nese momento, as Fillas optaron por meter unha marcha máis ao encontro e chegaron transicións moito máis veloces que farían que se chegase ao descanso cun marcador de 6-18 a prol das coruñesas.

Tras un merecido descanso comezou a segunda metade con idénticas sensacións para ambos equipos. Fillas continuaba con un plantexamento defensivo que afogaba os ataques locais. A maraña de Fillas provocaba que as opcións das de Auriense se resumisen en tiros a paus dende longa distancia. Mentres tanto, en ataque Fillas contemporizaba e marcaba o ritmo de xogo que máis lle interesaba, sen entrar en precipitacións e moi acertadas de cara a paus.

Deste xeito chegaríase ao final do encontro con un resultado de 1-10 / 4-19 (13-31) a favor das breoganeiras, que deste xeito e á espera do encontro da vindeira semana na cidade do Lérez, comparten primeiro posto con outras das grandes candidatas ao título de liga: as rapazas do Pontevedra FG.

Tweet about this on TwitterShare on Facebook0Share on Google+0

Leave a Reply