Novas

Últimas novas dos Fill@s de Breogán e dos Ártabr@s de Oleiros

Nova vitoria dos Fillos e das Fillas de Breogán

A visita das e dos Herdeiros de Dhais este domingo á Cidade Deportiva da Torre saldouse con dúas vitorias para as e os Fillos de Breogán, que se afianzan na cabeza das táboas clasificatorias.

As primeiras en saíren ao campo foron as Fillas. Desde un comezo xa se sabía que a visita das lalinenses non ía ser doada, non só polas importantes baixass: as Herdeiras, a pesar de ser unhas recén chegadas á Liga Galega de Fútbol Gaélico, contaban os seus partidos por vitorias. E abofé non o puxeron ben doado.

Na primeira parte do encontro, as Fillas saíron enchufadas e conseguiron sacudirse os golpes das Herdeiras de Dhais, que se puxeron diante do marcador grazas a un gol nos primeiros minutos. A presión no medio campo e o acerto cara á porta das dianteiras breoganeiras deu con que ao descanso a diferenza fose de 9 puntos para as coruñesas, o que facía augurar unha segunda parte plácida.

Mais non foi así. As lalinenses saíron na segunda parte dispostas a non dar por perdido o partido. Grazas a contaren con todo o banco repleto de cambios, chegaron máis frescas á segunda parte e conseguiron dar a volta ao marcador, despois duns quince minutos dun grande xogo pola súa parte e de descolocación das Fillas. A falta duns dez minutos para a conclusión do partido, as Herdeiras de Dhais gozaban dunha vantaxe de 3 puntos no marcador.

Foi nese momento canto as Fillas de Breogán reaccionaron e grazas a un sprint final vertixinoso puideron sacudirse a presión e xogar como saben para pór no marcador final un 7-18 (39) 5-10 (25) ao seu favor que non amosa a realidade do partido.

Logo de tres partidos, as Fillas de Breogán continúan invictas e sitúanse primeiras na táboa clasificatoria, empatadas a puntos coas que son, este ano, as firmes candidatas á vitoria final, Pontevedra FG.

Os Fillos continúan firmes á fronte da clasificación

Non moito máis doado foi o encontro dos Fillos de Breogán que souberon facerse cun partido incómodo contra os lalinenses que non lle perderon en ningún momento a cara ao partido.

De feito comezaron poñéndose diante do marcador nos primeiros intres xa que saíron con moita forza. Con todo, os Fillos de Breogán comezaron a dominar o medio do campo e a aproveitar a velocidade e rapidez dos seus dianteiros, especialmente dun inspirado Fariñas, para chegaren á fin da primeira parte con 3 puntos por diante.

Na segunda parte fíxose máis evidente a superioridade dos Fillos de Breogán ante uns Herdeiros moito máis cansos e con menos clareza nas súas xogadas. O marcador final, con 12 puntos de vantaxe, así o reflicte 5-08 (23) 1-08 (11).

Descanso até o 14 de xaneiro
A liga gaélica descansará nas vindeiras semanas de Nadal. En concreto, o vindeiro partido de liga será o 14 de xaneiro cando as Fillas se enfrontarán a Auriense en Ourense. Pola súa parte, os Fillos descansan até o 21 de xaneiro, momento en que visitarán a Pontevedra FG.

Tweet about this on TwitterShare on Facebook0Share on Google+0

Leave a Reply