Novas

Últimas novas dos Fill@s de Breogán e dos Ártabr@s de Oleiros

Lalín e Irmandinhos, rivais esta semana dos nosos equipos

Dobre xornada para os equipos breoganeiros: mentres os Fillos e as Fillas recibirán na Coruña aos lalinenses de Herdeiros de Dhais, as Ártabras e os Ártabros viaxarán á Estrada para se enfrontaren aos Irmandinhos.

A pesar de ascenderen o ano pasado á primeira división masculina e estaren de estrea co seu equipo feminino, os Herdeiros de Dhais non serán un rival doado para os Fillos e as Fillas de Breogán tal e como demostraron no amigable desputado entre ambos os equipos hai uns meses en Curtis.

As Fillas enfróntanse ao que será o seu partido máis difícil no que vai de temporada, ao contaren non só cun equipo con notábeis baixas: as Herdeiras virán á Coruña a sumaren a súa terceira vitoria no campionato e presentarse como candidatas ao título, logo de vencer nos dous primeiros partidos ás ourensás de Auriense e ás estradenses das Irmandinhas, subcampioas a temporada pasada.

Pola súa parte, os Fillos de Breogán queren buscar a súa terceira vitoria consecutiva e seguir no máis alto da táboa fronte aos Herdeiros que, a pesar de perderen o seu primeiro enfrontamento fronte aos Irmandinhos da Estrada, non o puxeron nada doado ao equipo estradense.

A cita será este domingo a partir das 14:15 no Campo da Torre.

Os Ártabros, a loitaren á Estrada

Moito máis complicada é a saída desta semana das Ártabras e dos Ártabros de Oleiros, que se enfrontarán na Estrada aos eternos candidatos ao título, os Irmandinhos, e unhas Irmandinhas en reconstrución.

As primeiras en abrir a xornada serán as Ártabras que procurarán manter as boas sensacións do seu último partido. A súa rivais, as Irmandinhas, en plena reconstrución, son, con todo, unha das firmes candidatas ao título final da Liga Feminina.

Pola súa parte, os Ártabros procurarán manter a progresión amosada no seu partido contra os Fillos de Breogán e loitarán, a partir das 19:15, por facer un partido digno fronte aos líderes actuais da Liga Galega de Fútbol Gaélico.

Tweet about this on TwitterShare on Facebook0Share on Google+0

Leave a Reply