Novas

Últimas novas dos Fill@s de Breogán e dos Ártabr@s de Oleiros

Os Fillos de Breogán traen dúas grandes vitorias da súa visita a Compostela

A estrea da Liga Galega de Fútbol Gaélico non puido ser mellor para os Fillos e Fillas de Breogán, que traen de terras compostelás dúas vitorias fronte os equipos de Estrela Vermelha en dous partidazos que amosaron a solvencia co que afrontan esta nova temporada que vén de arrincar.

A xornada comezou ás 18:30 co partido dos Fillos de Breogán fronte ao campión das últimas ligas, o Estrela Vermelha, e rival directo polo título nesta nova campaña. Os xogadores de Dani Vázquez e Pedro Villariño, de estrea tamén como adestradores, saíron ao campo mentalizados da importancia do encontro para situar as verdadeiras aspiracións do equipo fronte a campaña.

O partido comezou ben para os Fillos de Breogán, que axiña souberon impoñer un xogo vertical aproveitando a rapidez dos dianteiros do equipo, especialmente de Juan Fariña. Con todo, o 11 compostelán soubo contrarrestar o ímpeto inicial dos breoganeiros grazas ao labor do seu dianteiro, Rubén Leborán, e dous goles que, abriron algo de distancia no partido. Con todo, a primeira parte converteuse nun intercambio de golpes con acertos por ambas as bandas e cun axustadísimo 2-5 (11) – 1-7 (10) ao final dos trinta minutos regulamentarios.

Na segunda parte cambiou por completo o partido: os xogadores de Estrela Vermelha saíron máis conectados no xogo e conseguiron abrir unha fenda de 8 puntos que semellaba insalvábel para as aspiracións breoganeiras. Con todo, e a falta de 5 minutos para se completar o partido, un gol dos Fillos conectou o equipo de novo no partido. A partir de aquí, estableceuse un dominio incuestionábel no xogo e nas ocasións por parte dos coruñeses, que lle deron a volta ao marcador con 3 goles.

De aí ao final, Estrela Vermelha envorcouse na portería de Fillos de Breogán sen oportunidade de virar o resultado do partido, quedando este nun 3-11 (20) / 4-10 (22) no que sería a primeira vitoria dos Fillos de Breogán en terras compostelás.

As Fillas continúan coa senda da vitoria

Pola súa banda, as Fillas amosaron a contundencia que lles é característica e que foi a tónica na pasada campaña para marcaren o camiño desta nova xeira 2016/2017.

O equipo dirixido por Iago Pedreira e con moitas caras novas,amosouse moi firme e contuntende desde os primeiros compases do enconto, cunha férrea defensa e un ataque ao que nos ten acostumados. O marcador final, 1-09 (12) / 7-16 (37), fala ben ás claras da superioridade das branquiazuis sobre as estreleiras e serve como carta de presentación da aspiración para revalidaren o título de liga conseguido na pasada temporada.

Tweet about this on TwitterShare on Facebook0Share on Google+0

Leave a Reply