Novas

Últimas novas dos Fill@s de Breogán e dos Ártabr@s de Oleiros

As Fillas e os Fillos de Breogán despiden o ano con dúas vitorias

Hoxe as Fillas e os Fillos de Breogán deron fin a un grande ano no deportivo con dúas vitorias na súa visita ao Campo da Lama para se enfrontaren ao Pontevedra Fútbol Gaélico.

A xornada comezou ás 12 da mañá cunhas Fillas que continúan poderosas nesta temporada 2014/2015 da Liga Galega de Fútbol Gaélico. A pesar de que o plantel dirixido por Bieito Landeira chegou a encontro con só 8 xogadoras dispoñíbeis, a superioridade no campo non tardou en aparecer.

As sete fillas que iniciaron o partido, con catro xogadoras que están de estrea esta temporada, dominaron xa desde o primeiro minuto, capitaneadas polas irmás Paula e Laura e veterás como Vero ou Marta. Ao descanso, a superioridade do marcador era xa notábel, que quedaría reflectida no 0-9 das pontevedras fronte ao 5-13 (28) co que se chegaría ao fina.

Con esta vitoria, a quinta consecutiva, as Fillas aséntanse na táboa clasificatoria seguindo a estela que marcan as imparábeis Irmandinhas da Estrada.

Os Fillos, na súa liña

O encontro dos Fillos de Breogán na Lama aventurábase complicado, dadas as baixas co que chegou o plantel de Sebas Pan a Pontevedra. Só 13 xogadores estiveron dispoñíbeis e con baixas destacadas na dianteira.

Con todo, o partido comezou moi ben para os Fillos que, a pesar de se amosar dubitativos nos primeiros instantes, moi axiña conseguiron abrir diferenzas no marcador grazas ao acerto nos disparos a paus e na destreza de Mancu hoxe como único dianteiro.

O marcador ao descanso semellaba xa ser case definitivo e aventuraba unha segunda parte plácida para os Fillos de Breogán: 3-2 (11) fronte a 7-6 (27). Mais non foi así: imprecisións nas marcas e cinco minutos de atordoamento dos Fillos deron ao traste grande parte da diferenza acadada nos 30 primeiros minutos.

A situación complicouse coa expulsión de Dani, que provocou o cambio de porteiro. Con Javi no campo, pero cun xogador menos, os Fillos conseguiron sobrepoñerse e volver ao mando do partido.

O marcador, ao final, amosou un 5-11 (26) para Pontevedra FG fronte ao 9-11 (38), unha distancia máis ampla do que por momentos de previu.

Con esta vitoria, os Fillos de Breogán aséntanse na segunda praza da taboa clasificatoria, logo da derrota colleitada polos Irmandinhos no duelo desta fin de semana ante Estrela Vermelha, invictos nesta temporada 2014/2015.

Descanso ata o vindeiro mes de xaneiro

A Liga Galega de Fútbol Gaélico descansa dúas semanas ata o vindeiro 10-11 de xaneiro, en que os Fillos se enfrontarán ao Uvigo FG no Campo da Torre para clausurar a primeira volta.

Tweet about this on TwitterShare on Facebook0Share on Google+0

Leave a Reply