Novas

Últimas novas dos Fill@s de Breogán e dos Ártabr@s de Oleiros

O líder foi moito líder: Estrela Vermelha 7-14 (35) – Ártabros de Oleiros 0-0 (0)

O Estrela Vermelha de Compostela, líder imbatido da Liga Galega deste ano e vencedor de Liga e Copa a temporada pasada, non deixou ningunha opción de competir aos Ártabros de Oleiros no partido disputado no serán deste domingo 16 de novembro no Campo do Sergas de Santiago e gañou por un contundente 7-14 (35) a 0-00 (0) ao equipo da nosa bisbarra.

Dende a primeira xogada, que xa rematou en gol, os composteláns saíron coa intención de rematar co partido canto antes e abofé que o acadaron. Os Ártabros, que por múltiples causas acudiron sen trocos a este partido, víronse superados en todo momento pola rapidez e intensidade dos santiagueses que saíron cunha táctica moi ofensiva e presionante. Os medios dianteiros do Estrela sumáronse ao ataque constantemente aproveitando a súa vantaxe física e por momentos semellaban xogar con 4 dianteiros dispostos a anotar todo balón que lles chegaba. Para máis dificultade Ripa, un dos mellores defensas dos Ártabros, perdeu os nervios tras recibir un golpe por parte dun rival e acabou sendo expulsado, tendo que xogar os Ártabros con 10 homes case que medio partido.

A pesar disto, na segunda metade os de Oleiros non baixaron os brazos e gozaron das súas oportunidades de polo menos maquillar o resultado. Rubén García lanzou un penalti ao longueiro e o porteiro do Estrela, David de la Torre, fixo a estirada do partido para enviar a “forty-five” (o saque de esquina gaélico que se saca no medio do campo) un disparo de Xián Mayo que buscaba a escuadra. Varias intervencións de mérito do gardaredes e capitán dos Ártabros, Pablo Bregua, fixeron tamén o seu para que o marcador dos estreleiros non seguise medrando.

E así se chegou ao final do partido, quedando claro o aviso do líder ao seu próximo rival, os tamén imbatidos Fillos de Breogán, cos que xogarán o vindeiro sábado na Coruña. Será a partires das 14h na cidade deportiva da Torre, con entrada de balde e sen dúbida cun dos mellores partidos de fútbol gaélico que se poden contemplar actualmente en Galicia.

Tweet about this on TwitterShare on Facebook0Share on Google+0

Leave a Reply