Novas

Últimas novas dos Fill@s de Breogán e dos Ártabr@s de Oleiros

Vitoria no Grove das Fillas e dos Fillos de Breogán

As Fillas e os Fillos de Breogán volveron da súa viaxe ao Grove con dúas vitorias na 5ª xornada da Liga Galega de Fútbol Gaélico. Con todo, os encontros foron ben dispares, tanto no marcador como no xogo de ambos planteis.

Nova vitoria contundente das Fillas

A xornada comezárona as Fillas de Breogán ás 17:30 no Campo de Monte da Vila do Grove. O plantel feminino realizou un encontro completo desde o principio ata o fin sen ningún tipo de concesión ás súas rivais, desta vez as Mecas FG. As xogadoras adestradas por Bieito Landeira fixéronse co control do partido desde o primeiro minuto, cun xogo vertical coa meta rival como único obxectivo.

Deste xeito, cunha defensa adiantada e unha dianteira totalmente entregada, o marcador ao remate da primeira parte amosaba un claro e contundente 0-1 das Mecas contra un 6-8 das Fillas que se duplicaría na segunda metade no definitivo 0-2 contra os 12-15.

Con esta segunda vitoria consecutiva, as Fillas afrontan unha semana decisiva á espera do vindeiro partido contra as xogadoras de Estrela Vermelha, segundas na clasificación ata esta xornada.

Os Fillos continúan na senda da vitoria

Imaxe: todogrove.com

Imaxe: todogrove.com

Terceiro partido da temporada para os Fillos de Breogán e terceira vitoria consecutiva, desta vez contra os Mecos FG. Con todo, como acontecería na estrea ligueira contra os Irmandinhos da Estrada, foi un partido moi igualado de principio a fin sen grandes diferenzas de tanteo que non deixaron nin un minuto sen tensión no campo.

O partido comezou lento, coas liñas ben definidas por cada 11 e sen concesións en defensa por parte dos dous equipos. Este feito provocou que os Fillos non se atopasen cómodos no campo e non puidesen desenvolver o seu xogo en ningún momento.

Conforme avanzaban os minutos, os Fillos de Breogán foron collendo o mando do partido no marcador grazas a unha defensa ben definida, pero non no xogo xa que a dianteira e a defensa estiveron desconectadas os 60 minutos do encontro. O marcador ao descanso amosaba un 0-6 para os Mecos fronte un 1-8 dos Fillos.

A segunda parte medrou en intensidade e, por momentos, rozouse a igualada no marcador. A falta de cinco minutos para o final do encontro, os Mecos conseguiron poñerse a só un punto dos Fillos de Breogán. Con todo, grazas a mestría de Javier Cajiao nos disparos a paus abriuse unha fenda de 5 puntos que, por fortuna, sería a que quedaría ao final do partido.

A vindeira semana, os Fillos de Breogán reciben aos vixentes campións da Liga Galega de Fútbol Gaélico e actuais líderes da táboa clasificatoria, o Estrela Vermelha de Compostela, no que talvez sexa un dos mellores partidos que se poden ver de fútbol gaélico en Galicia.

Tweet about this on TwitterShare on Facebook0Share on Google+0

Leave a Reply