Novas

Últimas novas dos Fill@s de Breogán e dos Ártabr@s de Oleiros

Igualdade agás no marcador no segundo partido dos Ártabros de Oleiros

Partido moi disputado o celebrado onte 8 de novembro na Cidade Deportiva da Torre entre os Ártabros de Oleiros e o Pontevedra FG, correspondente á 4a xornada da Liga Galega de Fútbol Gaélico.

A primeira metade decantouse 8 (2-02) a 4 (0-04) do lado dos de Oleiros grazas á súa boa defensa que só deixou tiros a paus durante os primeiros 30 minutos e á velocidade dos seus dianteiros, en especial Juan Fariñas que foi quen de rematar dúas xogadas vertixinosas no fondo das redes pontevedresas.

A segunda metade presumíase de órdago e así foi. Os primeiros quince minutos foron pouco ofensivos, cos dous equipos agardando o seu momento pero priorizando non descoidar nunca a defensa. O partido subiu en intensidade física e chegar adiante xa costaba máis pois non se deixaba nin un metro libre. Neste contexto sentiuse cómodo o Pontevedra que pouco a pouco foi sumando tantos e dándolle a volta ao marcador. Outro gol de contrataque (Diego) para os Ártabros parecía frear a progresión da remontada colocando un 11 a 10 a favor dos de camisola negra, pero non houbo tempo á presión psicolóxica pois inmediatamente despois o Pontevedra meteu un gol de volta aproveitando un claro despiste da última liña de defensa oleirense.

A partir dese momento os pontevedreses, de novo con paciencia e tanto a tanto, dominaron os derradeiros minutos e impediron que o terceiro gol de Juan Fariñas puidese meter no encontro aos Ártabros.

O resultado final de Ártabros de Oleiros 14 (4-02) – Pontevedra FG 17 (2-11) reflicte con fidelidade a igualdade do partido e a intensidade do mesmo que fixo as delicias dos siareiros de ambos equipos.

Con partidos así, vai ser sinxelo que o fútbol gaélico enganche no noso país.

Ficha do Partido

XORNADA 4
8 de novembro de 2014
Cidade Deportiva da Torre, A Coruña

ÁRTABROS DE OLEIROS: 14 (4-02). Anotadores: Juan Fariñas 10 (3-01), Diego 3 (1-00) e Rubén 1 (0-01)

PONTEVEDRA FG: 17 (2-11). Anotadores: Natxo 5 (1-02), Óscar Parada 3 (1-00), Nano 3 (0-03), Mouco 3 (0-03), Loira 1 (0-01), Juanjo 1 (0-01) e Henrique Braga 1 (0-01)

Tweet about this on TwitterShare on Facebook0Share on Google+0

Leave a Reply