Novas

Últimas novas dos Fill@s de Breogán e dos Ártabr@s de Oleiros
Plantel dos Fillos de Breogán

Dúas contundentes vitorias das Fillas e dos Fillos de Breogán na Estrada

As Fillas e os Fillos de Breogán volven das terras do Deza co grande sabor de boca que deixaron os resultados. A terceira xornada da Liga Galega de Fútbol Gaélico saldouse con dúas contundentes vitorias para as Fillas e os Fillos de Breogán fronte aos Braithreachas, o equipo filial dos Irmandinhos da Estrada.

Vitoria contundente e sen paliativos das Fillas

IMG-20141026-WA0002

A tarde de fútbol gaélico no Campo da Baiúca non podía comezar de mellor forma: unha vitoria contundente e sen paliativos. Eis a conclusión do magnífico partido que as Fillas de Breogán disputaron na Estrada fronte as Braithreachas.

Desde o primeiro minuto do encontro até que o árbitro pitou o final, as Fillas de Breogán fixéronse co control sen deixar marxe de manobra ás estradenses. Cun xogo rápido, con accións contudentes de ataque e cun medio do campo e dianteiras espectaculares, as Fillas demostraron que as novas incorporacións darán moito que falar nesta temporada.

Deste xeito, conseguiron o marcador máis abultado e a maior diferenza de goles no que vai de Liga Galega de Fútbol Gaélico, un claro 4 para as Braithreachas fronte o 63 das Fillas de Breogán.

Os Fillos de Breogán continúan coa súa xeira gañadora

Pola súa banda, os Fillos de Breogán conseguiron tamén unha contundente vitoria que deixa ben ás claras o que se viviu no Campo de Fútbol da Baiúca da Estrada, nun encontro que serviu de despedida para un dos membros do plantel, Jorge García “Prosinecki”.

Con todo, non se abriron grandes diferenzas até ben pasados os minutos. O partido comezou cun ritmo lento por ambos planteis, que empregaron os primeiros minutos para se colocaren no campo e tantearen o rival. Pouco a pouco, os Fillos foron tomando a dianteira, tanto no marcador como no dominio do xogo, mentres os Braithreachas seguían mantendo a súa garra e non concedían moitas facilidades defensivas.

O ritmo lento continuou até o descanso, cun marcador que xa amosaba a superioridade dos Fillos de Breogán: 1 – 10.

A segunda parte mudou a tónica do encontro. Os Fillos de Breogán adiantaron as liñas para defender desde as posicións dianteiras e para non deixar mover con fluidez aos Braithreachas. Desde este momento, o partido converteuse nun dominio claro do noso equipo con continuos roubos de balóns e tiros desde todas as posicións para anotar nunha soa parte 33 puntos.

Os máximos anotadores do encontro foron Pablo Miragaya (3-1) e José Antonio Barbeito Mancusi (2-4) nun partido en que até 11 xogadores de campo conseguiron ver porta ou paus.

A vindeira semana, estrea dos Ártabros de Oleiros

A vindeira semana vivirase a estrea dos Ártabros de Oleiros na Liga Galega de Fútbol Gaélico fronte ao tamén recén chegado á liga, o Universidade de Vigo. O equipo adestrado por Iago Pedreira saberá o seu verdadeiro nivel e fixará os seus obxectivos para a presente temporada.

Pola súa banda, os Fillos e as Fillas de Breogán descansarán até o 15 de novembro, en que se enfrontarán aos Mecos do Grove.

Tweet about this on TwitterShare on Facebook0Share on Google+0

Leave a Reply