Novas

Últimas novas dos Fill@s de Breogán e dos Ártabr@s de Oleiros

Grande vitoria dos Fillos de Breogán

A estrea da temporada da Liga Galega de Fútbol Gaélico non puido ser mellor. Nun disputado encontro que tivo lugar este sábado na Cidade Deportiva da Torre de Hércules, os Fillos de Breogán impuxéronse pola mínima aos subcampións da pasada edición, os Irmandinhos da Estrada. O marcador final reflicte a igualdade e intensidade coa que se xogou o partido: 5 -7 (22) para os coruñeses polos 3 – 12 dos estradenses.

A pesar de que os Irmandinhos se puxeron por diante do marcador cun tiro a paus, axiña o once dos Fillos de Breogán conseguiu reverter o tanto e facérense claros dominadores da primeira parte con tres goles e tres puntos. Con todo ,nos últimos minutos e tras un penalti polémico, os estradenses conseguiron entrar no partido e chegar ao descanso cun 12 – 11 no marcador.

Na segunda parte seguiu a tónica da igualdade entre os dous equipos. Mentres os Irmandinhos da Estrada continuaron coa súa tendencia de tiros a paus, dous goles dos Fillos de Breogán conseguiron distanciar o equipo herculino no marcador e poñerse con 5 puntos de diferenza para afrontar a recta final do encontro.

Nos últimos cinco minutos, e a pesar do empuxe final do vixente subcampión galego, grazas ao labor defensivo en que salientou Javier González Cajiao, os Fillos conseguiron a vitoria final e os primeiros tres puntos da temporada.

Derrota das Fillas de Breogán

Unha hora antes, ás 14:00 as Fillas de Breogán debutaban tamén na Liga Galega de Fútbol Gaélico. Enfronte, as vixentes campioas que, sobre o terreo, volveron demostrar o porqué do seu triunfo na pasada edición.

Con todo, o marcador final 14 a 24 para as estradenses, non reflectiu a igualdade coa que se xogou o partido. Foi na recta final cando as Irmandinhas da Estrada fixeron valer a súa superioridade fronte a unhas Fillas de Breogán con moitas caras novas.

Liga Galega 2014 – 2015

Neste temporada, oito equipos conforman a liga galega de fútbol gaélico, xa que xunto aos Fillos de Breogán e os Irmandinhos da Estada competirán tamén o Estrela Vermella de Santiago, os Braithreachas da Estrada, Pontevedra, Mecos, Uvigo e os Ártabros de Oleiros.

Pola súa banda, na categoría feminina haberá cinco cadros máis ademais das Fillas de Breogán e as Irmandinhas da Estrada: Estrela Vermella, Pontevedra, Mecas e o Auriense

A vindeira cita dos Fillos e das Fillas de Breogán será o 25 de outubro na Estrada, onde se enfrontarán aos Braithreachas na terceira xornada da Liga Galega.

Tweet about this on TwitterShare on Facebook0Share on Google+0

Leave a Reply